Volve a FEIRA DAS MOZAS de Xinzo

Presentación da Feira das Mozas
Volve a FEIRA DAS MOZAS de Xinzo

O próximo 11 de maio na súa 3ª edición 

 De novo, a Asociación Cultural “A Pantalla”, en colaboración co Concello de Xinzo de Limia, celebrará a súa Feira das Mozas e con esta xa sería a 3ª edición consecutiva.

Este evento naceu coa intención de recuperar unha das feiras máis importantes de Xinzo: a feira do 14 de maio, coñecida como a Feira das Mozas: un dos días de feira máis concorridos da nosa vila, onde xa comezaban a verse os froitos do noso campo e a gandaría estaba no seu mellor momento, logo do frío inverno. 

A A. C. “A Pantalla”, colaborando co Concello de Xinzo de Limia repetirá este ano a Feira das Mozas, sendo xa a 3ª edición, cargada de moita música e actividades para tódolos públicos, nunha xornada que seguro será interesante e imprescindible no calendario limiao.

Tradicionalmente, neste día era común que as mozas e mozos, tanto da vila como dos arredores, se xuntaran co pretexto da feira para buscar parella e entaboar amizades. Como distintivo da súa soltaría empregabas un caravel encarnado, que os mozos entregaban as mozas como símbolo de interese. 

            As feiras en Xinzo foron un dos espazos máis importantes a nivel social que tivo a nosa comarca, así como a nivel económico e gastronómico. Xusto son istos tres piares os motores para que a A. C. “A Pantalla” traballe en recuperar, divulgar e protexer a feira como lugar de unión e intercambio cultural, sendo un día idóneo para mostrar as nosas máis fondas tradicións e saberes populares. 

 Nesta 3ª edición, que se celebrará o vindeiro 11 de maio, sábado, contaremos cunha chea de grupos musicais, tanto da propia vila como “Lirolaio”, “Tarde Piache”, “Pedra Alta” ou “Os Ghalos d’Antioquía”, como con convidados de comarcas limítrofes, como “Lembranza Solpor” de Celanova que amenizarán a Praza Maior co seu espectáculo “Coelerni” ás 19:30 h., como “Candaira” de Castrelo do Val que andarán polas rúas do casco vello de pandeirada durante todo o día. 

Pero o prato forte desta edición será, sen lugar a dúbidas, Ailá que darán un concerto as 20:30 h. na Praza Maior, sendo un dos grupos de maior sona no panorama musical galego. 

            Todo isto estará acompañado, como non pode ser menos nunha feira, de interesantes mostras de oficios e saberes tradicionais, como a cestería, o traballo do liño ou a feitura de corozas, así como dun espazo para os máis cativos onde lles ensinarán e xogarán como o facían os nosos maiores. 

Como colofón a nosa festa haberá renda solta para que as rúas se enchan de músicos nunha foliada aberta por todo o caso vello, previsiblemente ás 21:30 h., rematando o evento por todo o alto. 

            Dende a A. C. “A Pantalla” remarcamos a grande importancia que teñen este tipo de eventos para seguir crecendo e creando tecido veciñal, así como para por en valor as nosas tradicións, salvagardas dos nosos pobos e convidamos a todos os veciños e veciñas de Xinzo e dos arredores a participar na 3ª Edición da Feira das Mozas, iso si, ataviados como daquelas, o máis puro estilo dos anos 50, momento máis álxido das nosas feiras.