Novo éxito do curso Nómadas Dixitais no rural de Xinzo
En vistas da boa acollida, seguiranse ofertando este tipo de cursos naqueles núcleos do rural nos que haxa demanda.
Este mércores rematou unha nova edición do curso Nómadas Dixitais: un acompañamento ás persoas maiores coas novas tecnoloxías. Logo de que nas pasadas semanas se realizase tamén en Ganade e en Solveira, esta terceira quenda desenvolveuse no centro social de San Pedro de Laroá coa participación activa de máis de 15 persoas.
Nómadas Dixitais é un
proxecto que consta de tres sesións consecutivas e busca achegarlle o
funcionamento dos teléfonos móbiles ás persoas maiores, especialmente con aquelas tarefas que lles poidan resultar realmente
útiles para o seu día a día, como pode ser o emprego do Whatsapp ou o
acceso ás contas bancarias.
En vistas da gran acollida destas sesións así como da súa
utilidade a nivel práctico para as usuarias, Ángeles Martínez, concelleira de Servizos Sociais, sinalou que
"seguiremos estendendo este tipo de
cursos a aqueles lugares nos que haxa demanda, pois somos conscientes de que as
persoas maiores teñen dereito á autonomía dixital, pero sobre todo a que se
lles ensine a empregar as novas ferramentas imprescindibles na sociedade actual".